Seguidores

miércoles, 26 de marzo de 2008

A RIBEIRA DO SIL


Nestas ladeiras, nace e críase un dos mellores tintos de Galicia, "O Amandi". Regadas polas augas do Sil e o tan especial microclima da zona, fan destas terras un lugar inmellorable para a colleita da uva. Os viñedos formados polos socalcos de pedra facilitan a maduracion da uva para a obtención de tan prezado mencía da Ribeira Sacra.

lunes, 24 de marzo de 2008

VOLTOU A NEVE


No domingo de resurección a neve asómase polas montañas que rodean o val da Abeleda, incluso pola noite anterior se deixou caer na mesma Abeleda. É a primeira vez neste ano que estas cumes aparecen tinguidas do manto branco que tanto lle gusta á xente, e sobre todo aos máis pequenos. No momento da foto non puiden sacar o Castro, xa que a néboa impedíamo. Foi unha nevada pasaxeira, ao mediodía xa non quedaba nin un só copo de neve no chan. Esperemos que non sexa a única nevarada do ano, xa que estes fenómenos son os que verdadeiramente sacian os mananciais de auga, que nestas datas aínda están algo escasos.

sábado, 8 de marzo de 2008

NOVOS USOS


O antes servíalles aos nosos antepasados para o traballo diario, agora estámolo utilizando para decorar os nosos xardíns. O carro que antes levaba leña, herba e monte agora descansa reacondicionado nos nosos xardíns, mirando pasar o tempo e sen moverse nin tan só un metro.

Este exemplo da foto, descansa na aira da Adega do Algueira en Doade.


miércoles, 5 de marzo de 2008

UNHA IMAXE DO TEMPO


Recordos que nos quedan nas nosas aldeas, pobos, vilas. Raro é a aldea en Galicia onde non queden recunchos como iste. Casas que sobreviven ao tempo sen que ninguén as coide, loitando contra a humidade, o frío, as termitas, e ata pequenos sismos. Un exemplo máis dos "grandes" arquitectos que eran os nosos antepasados. Esta imaxe, corresponde o barrio de (O Outeiro) na Abeleda.