Seguidores

jueves, 30 de octubre de 2008

FERMOSA RUTA DE MONTAÑA EN CASTRO CALDELAS.


Así, titulo o xornal "O Sil" este reportaxe.

Desde o derrame setentrional do nó orográfico de San Mamede-Queixa chegando ata o profundo enfaixamento no que vai o admirable río Sil, tránsito de evocacións e beleza, están asentados os 87,63 km2 do Concello de Castro Caldelas.
Nas orelas que deixa o admirable Sil fórmase o espacio chamado Ribeira Sacra no que esta incluído este concello, tamén espacio cultural dominado polo pasado medieval con abundantes edificios religiosos e civís.
Aproximámonos ás orelas do río Sil camiño do lugar de Paradela, preto do lugar faremos a primeira parada para achegarnos ata as Penas de Matacás desde onde nos asomaremos a verticalista e dinámica paisaxe co Sil facendo de divisoria coa provincia de Lugo. Temos que volver o principio do sendeiro, á estrada, dirección Susaus. Cando levamos 3,5 km temos que coller unha pista á esquerda na que toparemos con outra que nos leva ata as covas dos fuxidos (leva o nome do Mario de Langullo), é de difícil acceso.
Polo camiño orixinal podemos seguir a ruta dirección a Vilarellos ou As Carballeiras, nós imos para As Carballeiras. Entre bosque de piñeiros vai baixando a pista que o pouco xa nos vai metendo na flora autóctona de carballos e castiñeiros e tamén aparecen os fermosos bancais de viñedos que trepan polas ladeiras.
Cando nos topamos co desvío para As Carballeiras temos outro camiño á esquerda que nos leva polo medio de fermosos soutos cheos de grandes sequeiros ata a igrexa de Tronceda, considerada no seu tempo como a de máis difícil acceso de España.
Daquela xa só están as ruínas e algúns nichos do camposanto no que o derradeiro enterro foi no ano 1977.
Volvemos ata o cruce que vai para o lugar de As Carballeiras para achegarnos a el desde o que vemos outro dos magníficos caprichos do Sil, os seus meandros. Desde aquí seguimos para o lugar que fora a freguesía de Santiago de Tronceda, tamén hoxe deshabitada de oriúndos e si habitada por algún veciño vido doutros países. Ó pé de Tronceda está Santa Marta, xusto encima do meandro da Frieira e baixo o alzamento da Pena do Xastre (1.000 m) e o Coto Arma (1.013 m); e o outro lado a meseta lemosina.
Esta ruta non é circular, ó volver podemos coller o camiño que vai a Vilarellos e deste xeito coñecer outro lugar e tamén alongar o percorrido.Todo este acougo natural e patrimonial ben merecido ten a tan desexada declaración de Patrimonio da Humanidade pola que está a loitar e nós tamén nos sumamos á petición e o desexo.

PUBLICADA NO XORNAL "O SIL". Foto: Carlos G. Hervella Texto: Clemente Pérez Arias

No hay comentarios: